Thursday 02 de May de 2024

Riveira dá luz verde á elaboración dun Plan Municipal de accesibilidade universal, o primeiro da Comarca do Barbanza


A redacción dos traballos durará catro meses

Tal como avanzara o alcalde Manuel Ruiz na súa reunión coa asociación Ambar o pasado 17 de setembro, o Executivo do Concello de Riveira acaba de dar luz verde á elaboración dun Plan Municipal de Accesibilidade Universal para o Concello de Riveira, despois de que na súa última xunta de goberno local se aprobase a disposición do gasto para a súa redacción, cunha contía de 21.598 euros (IVE incluído).

Trátase do primeiro traballo destas características que afronta unha administración municipal na comarca de Barbanza. Cómpre lembrar que a súa elaboración foi unha das propostas recomendadas polo PMUS (Plan de Mobilidade Urbana Sostible), que define 46 actuacións a emprender de aquí ao ano 2021.

O novo plan avaliará o nivel de accesibilidade existente nos espazos e edificios públicos, nos transportes, na comunicación e nos servizos da administración pública, definindo as actuacións esixidas para adaptalos ás necesidades das persoas con mobilidade reducida.

Implicación
A metodoloxía de traballo prevé unha alta implicación e colaboración das distintas áreas e departamentos municipais e do tecido asociativo (en especial, de entidades de persoas con mobilidade funcional), tanto na detección inicial de problemas como nas propostas de actuación e a súa priorización. Inclúe cinco fases consistentes en:

1. Recompilación de información: recabarase información tanto de xeito oral como escrito nas áreas municipais, órganos de participación cidadá e asociacións e entidades aglutinadoras de persoas con diversidade funcional);

2. Análise da problemática actual e diagnose: o plan avaliará e proporá actuacións para eliminar as barreiras existentes en espazos de uso público en chan urbano, edificios públicos, paradas de autobuses e outros elementos das cadeas de transporte, sistemas de comunicación e información públicos, etc…

3. Propostas de actuación: formulando propostas divididas por ámbitos e tamén propostas transversais que incidan en diversos ámbitos.

4. Valoración de custes das actuacións propostas.

5. Priorización e plan de etapas de actuación

A empresa TCU, S.L. realizará os traballos, que teñen un prazo de elaboración de catro meses.